Primeiro dicionario reintegracionista feito na Galiza, O Electrónico Estraviz (e-Estraviz). Nesta versión virtual non só se fixo unha adaptación para o que se considera norma histórica e etimolóxica da lingua galego-portuguesa do Dicionário Estraviz, senón tamén unha revisión individualizada de cada termo e a súa correspondente definición, con correccións e actualizacións. Este traballo débese ó esforzo dun equipo de quince persoas baixo a dirección do lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz.
O dicionario do mesmo nome está considerado actualmente como un dos máis completos das linguas románicas publicados ata o día de hoxe en Internet, e o “máis contrastado da lingua galega, contando cun total de 91.009 palabras”. En relación á norma utilizada, esta vai encamiñada a non marcar moitas diferenzas con respecto á pauta portuguesa, pero mantendo formas propias recoñecidas como históricas do galego na norma AGAL. O e-Estraviz é para moitos especialistas o primeiro paso en proporcionar un instrumento de traballo ós reintegracionistas galegos.
|