O caderno de mates naceu, xa hai uns anos, na escola Can Massallera de Sant Boi de Llobregat, provincia de Barcelona, e foise desenvolvendo coa inestimable axuda das nenas e nenos que medraron nas nosas aulas. Recibín, tamén, moitas suxestións de profesionais que o empregaron e, cando foi posible, funnos incorporando. Mención especial merecen Manuel Paz, Antonio Gil, Xosé Antón Vicente e Blanca Besga, pola inestimable axuda que me permitiu traducir o programa ao galego e ao eusquera.
Caderno de mates intenta aproveitar a motivación que xera o uso do ordenador no alumnado para exercitar mecanismos de numeración e cálculo no ensino primario, frecuentemente tediosos e, sempre, consumidores dun tempo precioso que poderíamos dedicar a actividades de investigación, de razonamento, de descuberta matemática. É, polo tanto, como di o seu nome, un caderno. Non ten máis pretensións.
Ofrecémolo gratuitamente por coherencia coa nosa defensa do ensino público e gratuíto, na que coincidimos o lapisdecores e os autores do programa. Non máis que pedir a quen o empregue que nos faga chegar as súas críticas e suxestións.
O caderno de mates é un programa que permite dispór de exercicios programados e autoxerados relacionados co cálculo básico: suma, resta, multiplicación e división; numeración e números romanos. O programa traballa sobre o listado dos alumnos e alumnas dunha aula, gardando o nivel de dominio adquirido por cada un deles en cada un dos apartados, podendo o mestre dun xeito fácil determinar o grao de complexidade de cada nivel e os criterios de avaliación para a superación do mesmo.
|